Saturday 18 de May de 2024

A Xunta participa no Congreso Anual da Asociación Europea do Número Unico de Emerxencias 112 en Praga


A Axencia Galega de Emerxencias presentará o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112 Galicia) a través dun espazo reservado para expositores

A Axencia Galega de Emerxencias participa na edición 2016 do Congreso Anual da Asociación Europea de Emerxencias, que se celebra entre hoxe e o venres en Praga, coa asistencia do xerente da Axega, Juan José Muñoz, e o secretario xeral, José Ángel Someso.

A Asociación Europea de Números de Emerxencia (EENA), é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1999 e con sede en Bruxelas encargada de velar polos intereses dos centros 112 de toda Europa, cuxa premisa fundamental é a de servir de plataforma neutral de debate entre as autoridades, servizos de emerxencias, industria e cidadáns, co obxectivo de conseguir unha eficiencia e unhas telecomunicacións harmonizadas e axustadas ás necesidades dos cidadáns.

O EENA Conference 2016 constitúe un foro internacional que cada ano reúne a máis países e asistentes tanto europeos como do resto do mundo. As futuras liñas de actuación no eido das emerxencias, a xestión dos centros de atención ás emerxencias, protocolos, sistemas e redes de telecomunicación xunto coa innovación tecnolóxica son as principais inquedanzas que se debaten e analizan.

Neste foro, a cidade de Praga reunirá máis de 500 participantes entre autoridades públicas, servizos de emerxencias, investigadores e empresas do eido das telecomunicacións e xestión das emerxencias.

A nova xeración do 112, o uso das redes sociais (con especial mención ó seu uso durante os atentados de París en novembro de 2015), as novas tendencias en xeolocalización e as aeronaves nos tripuladas (drons) fan deste evento todo un gran escaparate da xestión das emerxencias.

A Axencia Galega de Emerxencias vai aproveitar este evento para expoñer o seu enfoque e xestión neste campo, así como amosar o novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112 Galicia) a todos os asistentes a través dun espazo reservado para expositores.

Paralelo ao Congreso tamén se celebran o 112 Awards Ceremony (Gala dos Premios 112), que cada ano premia organizacións, proxectos innovadores ou persoas que destacaron polo seu labor no eido das emerxencias. Nesta edición resultou finalista o Proxecto ARIEM 112 liderado e coordinado pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), no cal tamén participaron a Axencia de Protección Civil de Castela e León e a Commissâo de Coordenaçâo e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal.
O Proxecto ARIEM 112 resultou nominado por EENA para o “Premio do Cooperación Internacional 112” (112 Outstanding Internacional Cooperation Award) xunto coa candidatura presentada polo Ministry of Security de Bosnia e Herzegovina, e cuxo resultado final será desvelado esta tarde.

Este proxecto europeo permitiu impulsar e promover a cooperación e colaboración transfronteiriza, acadando así unha mellor resposta ante as emerxencias. Fíxose unha análise de métodos e modelos de xestión nos centros de atención ás emerxencias 112, establecendo novos protocolos de actuación conxunta, así como dotación de recursos materiais, informáticos e de comunicacións no eido da cooperación transfronteiriza.

Entre todas as administracións implicadas traballouse co fin de que os habitantes da zona tranfronteiriza estean máis seguros e dispoñan dun óptimo servizo de xestión e de atención das emerxencias, e que a fronteira en definitiva, non sexa xa unha liña que divida senón que una rexións.